Friday 17 de May de 2024

A Xunta perfila co sector a redacción do futuro decreto de artesanía alimentaria


A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias está a manter unha rolda de contactos para avaliar esta norma, actualmente en elaboración, e que busca poñer en valor e amparar as producións artesanais alimentarias de Galicia

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuniuse con representantes da asociación “Rede Galega de Produtores” para avaliar con eles o decreto de artesanía alimentaria, actualmente en elaboración, que regulará no futuro esta actividade.

Este encontro de traballo forma parte da rolda de contactos que está a manter a directora xeral co sector para perfilar esta norma, que busca poñer en valor e amparar as producións artesanais alimentarias de Galicia.

Con este decreto preténdese recoñecer e fomentar os valores económicos, culturais e sociais que a artesanía alimentaria representa para Galicia, e preservar e conservar as pequenas empresas familiares que elaboran produtos alimenticios.

Pártese do feito de que Galicia conta cunha gran tradición na elaboración de produtos alimentarios artesanais, que forman parte da súa cultura popular e que gozan dun alto aprecio entre os consumidores, mesmo fóra da comunidade. A elaboración destes produtos ten contribuído non só a engrandecer a riqueza cultural de Galicia senón á creación dunha economía básica para moitas familias do medio rural.

Por iso, a regulación da artesanía alimentaria debe contemplar a súa vinculación á produción de materias primas de calidade, a estruturas produtivas familiares, ao medio rural e á súa tradición e cultura, á calidade dos produtos e á protección do medio natural, entre outros factores específicos.